anagrama
cerrar boton_cerrar

Constituíuse o Consello pola Memoria que asesorará o goberno nesta materia (20-09-2006)


OS SEUS MEMBROS RECLAMARON A IMPLICACIÓN DE MÁIS INSTITUCIÓNS


A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, asistiron esta mañá á primeira reunión do Consello da Memoria, un organismo constituído por persoeiros que foron vítimas da represión, representantes de asociacións e investigadores, que pretende ser un instrumento de representación social que contribuirá á recuperación da memoria histórica, colaborará nos programas institucionais e impulsará novas iniciativas neste eido.


Ánxela Bugallo e Díaz Pardo Os membros do Consello fixeron un balance "moi positivo" das actividades levadas a cabo pola Consellaría durante este Ano da Memoria, pero lamentaron que só este departamento estivese traballando no tema e solicitaron que "todo este traballo penetre tamén no sistema educativo e que o poidan estudar os nenos nos libros de texto, xa que é fundamental difundir entre as novas xeracións todo o que pasou".

Neste sentido, congratuláronse de que todas as actividades do Ano da Memoria contribuíron dun xeito importante á formación dunha conciencia social sobre o tema e que "a xente recuperase o orgullo de ter familiares represaliados, cousa que se escondera ata o momento".

Do Consello forman parte, ademais dos representantes da Consellaría de Cultura, dos seguintes membros:

- 5 persoeiros que viviron directamente a represión franquista e a recuperación da memoria: Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Mariví Villaverde, Mariquiña Villaverde e Antón Santamarina.


- 5 recoñecidos investigadores: Lourenzo Fernández Prieto, Dionisio Pereira, Bieito Alonso, Carme Blanco e Aurora Marco.


- 10 representantes de asociacións pola memoria: Rosa Bassave, David Cortón, Ana Viéitez, Víctor Santidrián, Lois Pérez Leira, Uxío Breogán Diéguez, X. Carlos Garrido, Beatriz Gómez, Rafael Martínez e Antonio Nores.

As funcións deste órgano serán asesorar á Consellaría, colaborar cos programas que se deseñen institucionalmente, presentar iniciativas encamiñadas á recuperación da nosa memoria, formar parte das comisións administrativas creadas para ordes e convocatorias relacionadas coa memoria histórica e avaliar as decisións políticas tomadas ao respecto, ademais de impulsar novas accións de goberno.

O Consello reunirase, alomenos, dúas veces ao ano, aínda que se poderán convocar reunións extraordinarias por iniciativa da Consellaría ou a petición dunha cuarta parte dos seus membros. Elaborará un informe de balance e propostas de futuro en cadansúa reunión. Asemade, anualmente o Consello convocará unha asemblea na que participarán os membros das asociacións, investigadores e particulares directamente implicados.

*Fuente : Web Ano da Memoria, 21 de septiembre de 2006