anagrama
cerrar boton_cerrar

CARTA A D. EMILIO PÉREZ TOURIÑO - PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA
(Castelán)

 

 

 

Madrid, 16 agosto de 2005

Sr. Don Emilio Pérez Touriño

Presidente da Xunta de Galicia

San Caetano, s/n

15704 Santiago de Compostela

Estimado Presidente:

Como representante de afarIIREP (Asociación de Familiares e Amigos de Represaliados da II República polo Franquismo) quero expresarlle a nosa máis sincera noraboa polo cambio surxido da vontade expresada nas urnas polo pobo galego.

Esta decisión pon nas súas mans unha nova forma de gobernar este pobo que tanto precisa daqueles valores históricos dos que vostede se sente legatario, como ben expresou no seu discurso na Praza do Obradoiro o pasado día 2 de agosto de 2005.

Os socios de afarIIREP somos na maioría descendentes daqueles homes e mulleres que sufriron as crueis consecuencias da guerra fratricida que seguiu ao golpe de estado franquista e da ditadura implantada durante décadas, en represalia á súa loita pola liberdade e a democracia como as que agora disfrutamos.

Os crimes contra a humanidade, xuizos sumarísimos sen posibilidade ningunha de defensa por parte dos encausados, as torturas, encarceramentos, exilio, perda da nacionalidade e os seus dereitos, a explotación dos presos e demais atrocidades cometidas polo franquismo, é o que está a impulsar a creación das asociacións que loitamos pola recuperación da historia durante anos agachada e o que é de xustiza: o recoñecimento xurídico e moral das vítimas.

Por todo isto, afarIIREP solicita de vostede o pulo dese recoñecimento xurídico desde o Parlamento Galego (entre outros a nulidade dos xuizos sumarísimos), así como todos aqueles actos e accións que dalgún xeito recoñezan os dereitos desas vítimas do fascismo que vostede mencionou, e dos seus descendentes.

Ao final relaciónolle as conclusións e plano de acción que figuran no Informe Nizkor, documento presentado por varias asociacións, entre elas afarIIREP, o 14 de abril de 2004 e que chegará ao seu poder por outro conduto.

A un país non se lle pode ocultar a súa historia, polo que é imprescindíbel poñer ao día os libros de texto co relato da verdade do ocurrido para coñecimento das actuais e futuras xeracións.

É tamén absolutamente necesaria a desaparición dos símbolos e nomenclatura que lembren aquela época nefasta, considerando próceres a aqueles que tomaron parte ou apoiaron o masacre de todo un pobo.

Desexándolle todo tipo de éxitos no seu importante labor, espero de vostede unha leal resposta ás nosas reivindicacións nunha causa tan xusta e apremiante por ter permanecido durante tantos anos no esquecimento.

Saúdao moi cordialmente

Ana Mª Viéitez Gómez

Presidenta de afarIIREP

 

A cuestión da impunidade en España e os crimes franquistas.
http://www.afar2rep.org/documentos/impunidadesp.htm

V.- Conclusións.


Por todo o devandito,

As organizacións abaixo asinantes subscriben o presente documento e:

Diante da necesidade de recuperación da memoria acerca do contexto histórico en que se produciu a represión franquista e os feitos en que se materializou a mesma, isto é, as violacións graves dos dereitos humanos e as liberdades, principalmente as represalias e o exterminio da poboación civil, así como das leis e costumes da guerra no trato dispensado aos prisioneiros de guerra.

Diante da inobservancia do dereito das vítimas e as súas familias á verdade, á xustiza e a unha reparación digna.

Diante dos intentos de construción de teses revisionistas e negacionistas da historia,

Reafirmando que o coñecimento por un pobo da historia da súa opresión forma parte do seu patrimonio e, por iso, débese conservar adoptando medidas axeitadas en bebeficio do deber de lembrar que incumbe ao Estado.

Considerando que a impunidade é en si e por ela mesma unha violación de dereitos humanos e que coa súa existencia non só se viola un dereito humano, como o dereito á xustiza e á verdade, senón que ela constitúe un atentado á dignidade humana propiamente tal.

Considerando que a iniciativa de investigar corresponde en primeiro lugar ao Estado e que, en caso de carencia dos poderes públicos, as vítimas, os seus familiares e as organizacións de dereitos humanos deben tomar a iniciativa.

Propoñen o seguinte:

VI.- Plano de acción:


1. Ratificación da "Convención sobre a imprescriptibilidade dos crimes de guerra e dos crimes de lesa humanidade."

2. Declarar por Lei a nulidade de todas as accións legais do réxime franquista, facendo mención expresa ás Resolucións das Nacións Unidas adoptadas por unanimidade pola Asemblea Xeral da ONU o 9 de febreiro de 1946 [Res. 32 (I)] e o 12 de decembro de 1946 [Res. 39 (I)] e ao seu carácter criminal segundo as normas de dereito internacional.

3. Declarar a nulidade de todos os xuizos penais e militares por arbitrarios e ilegais, adoptando as medidas axeitadas para o resarcimento proporcional e actualizado das vítimas, así como a reconstrución dos arquivos penais e xudiciais afectados.

4. Elaborar unha lei de exhumacións e identificación de vítimas que teña en conta os tipos de delictos, o necesario coñecimento da verdade e que fixe os procedimentos acordes co dereito internacional de dereitos humanos.

Dita lei ha de ter en conta, ademais, os diferentes tipos de soterramentos clandestinos, oficiais, etc. e resolver o caso das foxas comúns produto do plano de exterminio, dos soterramentos ilegais e das foxas comúns das tropas regulares nas frontes de batalla.

5. Elaboración dun Manual de Antropoloxía Forense adaptado ás normas internacionais de dereitos humanos, crimes de guerra e á situación histórica da II República e do réxime franquista, que permita ordenar os desenterramentos en orde á instrución penal correspondente en función do tipo de delictos e as vítimas, sexan estas civís ou soldados regulares nas frontes de batalla.

6. Normalización lexislativa dos bancos de datos de ADN para a identificación de vítimas, procedendo ao rexistro xudicial das mostras dos restos das vítimas, así como as dos familiares que o soliciten e creando os parámetros de recoñecimento que surxan da experiencia antropoloxico-forense e sociolóxica.

7. Lei de recoñecimento dos campos de concentración e de traballos forzados e reconstrución dos procesos seguidos nos mesmos e das vítimas.

8. Desclasificación e catalogación de todos os arquivos diplomáticos, militares e de intelixencia até a instauración do réxime democrático.

9. Inventario, catalogación e reorganización, con medios acaídos á tecnoloxía actual, dos arquivos penais, xudiciais, carcelarios, militares, de intelixencia, municipais, etc., a nivel de todas as administracións, axeitándoos ás normas do dereito á verdade e á xustiza das vítimas.

Hase de recoñecer o libre acceso e a obriga de colaboración xudicial dos responsábeis de ditos arquivos coas vítimas e os seus familiares, organizacións de vítimas, organizacións de dereitos humanos e coa xustiza nacional ou de outros países.

10. Reconstrución das listas de vítimas españolas en terceiros países como consecuencia do réxime franquista, incluíndo especialmente os denominados "nenos da guerra" e solicitando, se fose necesario, a colaboración internacional, especialmente no ámbito europeu, para o que se contará coas organizacións de exiliados ou de organizacións estranxeiras que teñan colaborado co exilio republicano. Procederase á regularización xurídica dos problemas de nacionalidade española derivados do exilio e dos que son consecuencia da inscripción de españois en rexistros de autoridades lexítimas da II República, outorgando o mantimento da dobre nacionalidade dos exiliados e dos seus descendentes en todos os casos.

11. Reconstrución das listas de vítimas e represaliados desde o levantamento franquista, de forma legalmente válida, outorgando o recoñecimento xurídico válido e tendo especial cuidado cos menores, orfos e mulleres.

12. Axeitamento das normas dos rexistros civís a efeitos da correcta determinación das causas de morte.

13. Establecer un inventario dos bens saqueados, embargados ou expoliados por motivos políticos, relixiosos e de represalias.

14. Establecer unha lexislación que permita a recuperación e indemnización a cárrego do estado ou dos responsábeis patrimoniais se existisen, dos bens expoliados a persoas físicas ou legais por motivos políticos, relixiosos ou de represalias de calquera caste.

15. Lexislación de recoñecimento de todos os militares que serviron lealmente á II República, restablecendo a súa condición histórica e axeitando os seus méritos reglamentarios a todos os efeitos.

16. Lexislación de recoñecimento de todos os militares e forzas irregulares de orixe española que colaboraron cos países aliados na resistencia contra os países do Eixo e contra o réxime franquista , equiparándoos ao recoñecimento xurídico, militar e social que se seguiu en países como Franza.

17. Reconstrución dos mandos de todas as organizacións franquistas no interior e o exterior de España para facilitar o dereito á verdade e o coñecimento dos perpetradores dos crimes contra a humanidade.

18. Fixación dun sistema de resarcimento económico actualizado, en termos actuariais e que se corresponda coa realidade económica e social española, a todo tipo de vítimas aínda vivas, herdeiros e as súas familias, así como adoptar as medidas necesarias para o recoñecimento social e cultural, para o que se procederá á localización, catalogación e declaración como patrimonio histórico dos lugares de memoria da loita en defensa da República e da represión franquista.

Equipo Nizkor - 14 de abril de 2004.

 

Organizacións que presentan o documento.

(Orde alfabética)

AFARIIREP - (Asociación de Familiares e Amigos de Represaliados de la II República por el Franquismo), Ana Viéitez Gómez, presidenta.
Agrupación Gragero de León, Manuel Osorio, secretario.
Amigos de los caidos por la libertad (1939-1945), Memoria histórica de la región de Murcia, Floren Dimas Balsalobre, presidente rexional.
Asamblea Permanente por los Derechos Humanos (APDH Arxentina), Horacio Ravena, vicepresidente.
Asociación de Descendientes del Exilio Español, Ludivina García Arias, presidenta.
Asociación para la creación del Archivo de la Guerra Civil, las Brigadas Internacionales, los Niños de la Guerra, la Resistencia y el Exilio Español. AGE (Archivo Guerra y Exilio), Dolores Cabra, presidenta.
Asociación Manuel Azaña, Isabelo Herrero, presidente.
Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica de Valladolid, Ricardo Bedera, presidente.
Asociación Salamanca por la Memoria y la Justicia, Fermín Sánchez Martín, secretario.
Corporación de Promoción y Defensa de los Derechos del Pueblo - CODEPU (Chile), Víctor Espinoza, Secretario Executivo.
Dereitos Human Rights, California, USA, Margarita Lacabe, presidenta.
Equipo Nizkor, Gregorio D. Dionis, presidente.
Foro por la Memoria, José María Pedreño, presidente.
Instituto Republicano de Derechos Humanos, Félix Rodríguez Sanz, presidente.
Jóvenes por la Memoria Histórica "Amnesia", Javier Moreno y Juan Ignacio Díaz Bidart.
Serpaj Europa, Bruxelas, Bélxica, Parmenia Camargo, presidenta.

*Fuente