REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR NO COMPLEXO ADMINISTRATIVO DE SAN CAETANO O DÍA 18 DE AGOSTO DE 2005, BAIXO A PRESIDENCIA DO EXCMO. SR. D. EMILIO PÉREZ TOURIÑO
MOCIÓNS E PROPOSTAS
-Declaración institucional a respecto da recuperación da memoria histórica e da rehabilitación moral, persoal e legal á figura de Alexandre Bóveda.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL A RESPECTO DA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E DA REHABILITACIÓN MORAL, PERSOAL E LEGAL DA FIGURA DE ALEXANDRE BÓVEDA
1.- O mandato de cambio e rexeneración democrática expresado polo pobo galego non pode asentarse sobre o silencio e o esquecemento de milleiros de cidadáns e cidadás galegos que foron vítimas da represión por defender os valores democráticos do autogoberno e o progreso de Galicia. En consecuencia, a Xunta de Galicia expresa o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica democrática, representada singularmente na recuperación, rehabilitación e recoñecemento das vítimas da represión provocada polo levantamento militar de 1936. Este compromiso ha de entenderse como un deber ético, como un acto de xustiza e como unha norma fundamental para garantir a calidade do sistema democrático.
2.- A figura humana e política de Alexandre Bóveda é hoxe recoñecida pola súa contribución decisiva ao autogoberno de Galicia e á propia existencia das institucións galegas. Na longa xeira da recuperación da súa vida e da súa obra, aínda está pendente o recoñecemento por parte das máximas institucións galegas.
3.- En consecuencia, o Goberno galego acorda impulsar a rehabilitación institucional, persoal e moral de Alexandre Bóveda como primeiro e decisivo paso no seu compromiso coa recuperación da memoria histórica.
4.- Ao mesmo tempo, o Goberno galego desenvolverá distintas iniciativas encamiñadas ao coñecemento da verdade histórica, á rehabilitación moral e pública de todas as vítimas galegas da represión da ditadura, á anulación dos xuízos sumarísimos e, en xeral, á reparación dos danos morais e materiais aos que houbera lugar.
*Fuente : Web Xunta de Galicia, 18 de agosto de 2005
http://www.xunta.es/presiden/consello1808.pdf
|